Print this page

Aínda non estás na web?

Rate this item
(2 votes)

Vou comezar cun feito obvio: vivimos na sociedade da información.

Continuo. Partindo desta notoriedade o mundo da literatura non pode quedar ó marxe desta era tecnolóxica que fixo posible un desenvolvemento vertixinoso do acceso á información por parte da cidadanía.

Un dos maiores avances na sociedade da información do século XXI é a democratización. A información xa non é patrimonio exclusivo dos medios de comunicación. Calquera persoa cun móbil con cámara, un ordenador con acceso a internet e un pouco de destreza para se desenvolver no ciberespacio pode dar noticia dun feito ou un acontecemento do que foi testemuña ós poucos minutos.

Volvendo ós libros e á literatura. As melloras e a facilidade no uso destas novas tecnoloxías serven para dar unha maior visibilidade da literatura na web. As editoriais ven na internet un espacio de comunicación entre o lector e os seus productos, dos que ofrecen información, adiantos, presentacións, etc. Unha editorial sen un espacio web actualizado, sen un entorno claro e sinxelo para o usuario, que non informe puntualmente das súas novidades ou dos actos que organice, está perdendo unha estupenda ferramenta de promoción dos productos da empresa. Unha promoción que por outra parte é moi económica e máis duradeira.

Por outra banda, hoxe en día os libros son analizados, comentados e recomendados en blogs, foros, formatos tipo myspace, twitter, del.icio.us, dejaboo... polos lectores, tanto en blogs especializados como en persoais. O tradicional boca-orella converteuse nun post-a-post.

Os autores pouco a pouco estanlle perdendo o medo á internet e son conscientes da importancia de dispor dun espacio virtual propio, un medio de información onde os lectores poidan ter información sobre o autor e a súa obra e a posibilidade de manter un diálogo directo co escritor.

Con todo isto parece obvio que en toda a súa historia, o libro non tivo nunca tanta visibilidade como a que ten nestes momentos, onde as críticas dun lector cara un libro poden ser vistas desde calquera lugar do planeta nun tempo real; onde algúns bloggers especializados ten a influencia suficiente como para aumentar de forma considerable as vendas dun libro e facer que se fale del nunha cadea infinita de blogs, myspace, opinións en amazon, etc.

Anque en Galicia a presenza destes novos soportes de comunicación dedicados á literatura aínda é escasa, pouco a pouco van aparecendo novos espacios e vanse consolidando os xa existentes, así temos en canto a edición os blogs de Manuel Bragado (Brétemas) ou de Juan Blanco (Fragmentos da Galaxia), de autores como Santiago Jaureguizar (Cabaret Voltaire), de Mario Regueira (O porto dos escravos) , de Francisco Castro (A Canción do náufrago) ou Kiko da Silva; as librarías O Trasno Viaxeiro ou Casa das Letras e blogs persoais onde a literatura enche un espacio importante nos seus contidos: O levantador de minasAna Bande ou Gradicela.