Print this page

A propósito de Sendak

Rate this item
(5 votes)

 

Quero que Sendak ilustre os meus soños. Sería quen de intercambiar anacos desta inútil experiencia que atesoura unha cabeza tinguida de canas por unhas migallas da doce inxenuidade dun neno; e poder durmir e voar e pasear e compartir cos personaxes de Maurice Sendak os escenarios imaxinados polo xenial artista neoirquino.

Unha das grandes e recoñecidas influencias na obra de Sendak era Walt Disney, quen afirmaba que non se durme para descansar, senón que hai que durmir para poder soñar; daquela, cando o albor do soño se alimenta co ronsel dun fugaz espellismo, precisamos da ilusión, da fantasía para deixarnos arrastrar polo sono, gozar do soño. Porque o xeito de mirar o mundo de Sendak está moi vinculado co interior, de mirar dende ollos pechados; a través desa contemplación que agroma dende o máis fondo. O onírico, os primeiros horrores, a inocencia, o divertimento modúlanse dende o particular punto de vista do autor de Onde viven os monstros. Velaí un dos motivos dese interese provocado polas súas obras décadas despois de ser publicadas.

E dun grande mérito e de obrigado recoñecemento é a aposta da editorial Kalandraka por poñer ao dispor das e dos lectores –ao longo deste 2014- algunhas das mellores obras de Maurice Sendak. Se hai uns anos foron os responsables de publicar en galego Onde viven os monstros (2000), agora temos a oportunidade de mergullarnos novamente no fantástico e onírico universo de Sendak a través do espectacular Na cociña de noite (publicado orixinariamente en 1970), que recentemente aterrou nos andeis de todas as librarías sendo preludio da selección de obras de Sendak que poderemos gozar os vindeiros meses.