Print this page

Zoa Lois Pereiro por Galicia segundo se achega o 17 de maio

Rate this item
(0 votes)

Segundo se achega a data do 17 de maio en comemoración do Día das Letras Galegas a Lois Pereiro, as actividades que se realizan como homenaxe e como difusión á obra do poeta monfortino multiplícanse. O xoves 28 de abril a partir das 20.15 h. no Edificio Multiusos de Monforte de Lemos terá lugar o espectáculo Mundo Lois. Mundo Lois, que xorde dunha idea de Antón Reixa (amigo de Lois Pereiro), é un espectáculo dirixido por Lino Braxe e interpretado polo propio Lino Braxe e Antela Cid.

Por outra banda, a Biblioteca Nodal de Lugo ven de presentar un punto interactivo sobre Lois Pereiro. O proxecto Lois Pereiro nas bibliotecas nodais consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que flota horizontalmente sobre unha peana, e un muro vertical con dúas pequenas pantallas incrustadas sobre o que se desprega unha liña temporal coa vida e obra do autor. A pantalla multitáctil de 46" presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: ‘Fotobiografía’, ‘A voz do poeta’, ‘Xogando coas palabras’ e ‘A música’. Este proxecto percorrerá ao longo de 2011 as seis bibliotecas nodais e os centros escolares de Galicia.

Vento Lois, o recital expansivo que se celebrará en todo o mundo o vindeiro 12 de maio ás 8 da tarde, ten tradución ao francés a cargo de Paloma León. Pódese consultar no web loispereiro.blogaliza.org