Print this page

Xurxo Alonso gaña XXII Premio de Poesía “Concello de Carral”

Rate this item
(0 votes)
Xurxo Alonso Xurxo Alonso Foto: Concello de Carral

Xurxo Alonso, coa súa obra En luz escrita resultou gañador do XXII Premio de Poesía “Concello de Carral”. É a segunda vez que o poeta vilagarcián gaña este premio, que xa acadara no 2004 co libro Breviario de Aldemunde.

O xurado salienta neste poemario a súa sólida arquitectura, a forza intensional do conxunto e a admirable estratificación conceptual do discurso, inzado de citas, homenaxes e intertextualidades que entroncan este texto coa mellor tradición galega e foránea. Tamén si, o xurado destacou a singular voz poética que espella nun léxico celmoso, o perfilado de visopoemas que recrean unha moi particular e xenuína atmosfera luminosa e a concepción xeral do poemario como un mecano de magnífica orquestración sinfónica. Nesta edición, o xurado estivo formado por Inma Otero, Armando Requeixo e Xabier Cid, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 44 poemarios.

Xurxo Alonso, pintor e poeta, naceu en Bos Aires pero reside en Vilagarcía de Arousa dende os oito anos. A este premio de poesía “Concello de Carral” súmanse anteriores galardóns, como o III Xosé María Díaz Castro de poesía, o Premio de poesía Francisco Añón no 1998, o Xohán de Requeixo no 1999, o Feliciano Rolán no 2001, o Johán Carballeira no 2001, por Onde viven os saqueadores de naufraxios (Espiral Maior), o premio Fermín Bouza Brey no 2003 por Cidades de area (Espiral Maior), o Concello de Carral no 2004 por Breviario de Aldemunde (Espiral Maior), o premio de poesía Cidade de Ourense no 2016, por Cartas da fronteira (Espiral Maior) ou máis recentemente o Avelina Valladares o pasado ano por No interior do vento (Fervenza). 

O acto de entrega do premio “Concello de Carral” terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2019. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, As bicis de Xabier Cid. Como remate a esta homenaxe á poesía, a compañía Teatro do Atlántico presentará o seu espectáculo poético De abrentes e ocasos.