Print this page

Xulia Alonso e Francisco Calo gañan os Losada Diéguez

Rate this item
(0 votes)

O xurado da XXVI edición dos premios Antón Losada Diéguez, composto por Francisco Fernández Rei representando á Real Academia  Galega; Henrique Monteagudo, polo Consello da Cultura Galega; Francisco Fariña, polo Museo do Pobo Galego; nx0woé Luís Valladares, representando á Deputación de Ourense; Anxo Tarrío, pola cátedra de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago; Xosé Henrique Costas, pola Universidade de Vigo; e Xosé Ramón Freixeiro, pola Universidade da Coruña; e actuando como presidente Cipriano Caamaño e vicepresidenta María nx0woefa Pérez, outorgaron o premio de creación literaria a Xulia Alonso, pola súa obra Futuro Imperfecto, editada por Galaxia. O xurado valorou nesta obra a gran intensidade emotiva que introduce a vida dentro da literatura. Narra unha experiencia vivida que representa tamén a historia dunha xeración que sucumbiu ao engano da droga como negocio manexado por xente sen escrúpulos.

Doutra banda o mesmo xurado outorgou en premio na modalidade de investigación e ensaio á obra Os Celtas. Unha (re)visión dende Galicia de Francisco Calo Lourido, editada por Xerais. Desta obra destacaron os membros do xurado o rigor documental da mesma, as diferentes fontes de aproximación ao problema histórico dos celtas e do celtismo, así como o seu reflexo en Galicia, nun debate aberto que tivo a súa importancia na configuración da identidade mítica dos galegos.

O Premio Antón Losada Diéguez convócase anualmente desde 1985 polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense. Prémianse dúas obras publicadas no ano anterior, unha na modalidade de creación literaria e outra de investigación, de entre as presentadas a concurso polas editoriais. O acto de entrega dos premios terá lugar no mes de xullo no concello de Boborás.