Print this page

Xosé Manuel González Reboredo faise co Vicente Risco de Ciencias Sociais

Rate this item
(0 votes)

O xurado do premio “Vicente Risco” de Ciencias Sociais premiou nesta decimo sétima edición o traballo presentado co lema Cando os homes non poden, que axuden os santos e co título Os santos titulares de parroquia en Galiza. Pasado, presente e perspectivas de futuro. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser o lucense veciño do concello de Ames Xosé Manuel González Reboredo.

O xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade a entrega do premio ao traballo de González Reboredo. Os santos titulares de parroquia en Galiza trátase dun rigoroso ensaio no que se analiza a antigüidade e a singularidade do sistema galego das advocacións parroquiais comparado co de diversas áreas da Península Ibérica. Nesta obra reivindícase a inclusión dos santos titulares das freguesías como patrimonio cultural galego, máis alá dos valores especificamente relixiosos.

Xosé Manuel González Reboredo é antropólogo e etnógrafo, forma parte do Padroado do Museo do Pobo Galego, onde dirixe o Instituto de Estudos das Identidades. Ten realizados traballos etnográficos de campo en Galicia e León e entre a súa bibliografía atopamos títulos como Lendas Galegas de Tradición Oral, Entroido en Galicia ou A festa de San Xoán, entre outros.