Print this page

Xosé Daniel Costas Currás gaña o X Premio de Poesía de Novacaixagalicia

Rate this item
(2 votes)

O poeta moañés Xosé Daniel Costas Currás resultou gañador da décima edición do Premio de Poesía de Novacaixagalicia pola súa obra Monicreques, presentada baixo o lema Procurando que as súas pernas estean simétricas. Procurando que os seus cóbados estean simétricos. A miña nai di que sufro. O certame está organizado pola entidade financeira e o Centro PEN de Galicia.

O tribunal encargado de ditaminar a obra gañadora entre os 71 orixinais presentados estivo integrado tamén por Emma Pedreira, gañadora da novena edición do certame; Ana Salgado, crítica literaria e directora da revista Protexta; Edelmiro Vázquez Naval, escritor; Antón Pulido, artista plástico, e Xabier Castro Martínez, que actuou como secretario con voz e sen voto.

O xurado, que elixiu o poemario de Xosé Daniel Costas por unanimidade, quixo destacar “a aposta arriscada por unha estrutura autenticamente novidosa, a teatralidade da mesma, un ritmo e unha musicalidade singulares e unha plasticidade que vai máis alá das imaxes e cromías para construír un mundo poético e pletórico de modernidade, que non por iso deixa de lado a tradición”.O premiado forma parte da xeración máis nova de poetas galegos e xa ten no seu haber premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio de Poesía da Universidade de Vigo. Amais, é membro fundador da Lonxa Literaria de Moaña.

O Premio de Poesía de Novacaixagalicia iniciou a súa andadura en 2001 e na nómina de autores galardoados figuran nomes de referencia como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Román Raña, Carlos Penela, Luís Valle Regueiro, Xavier R. Baixeras ou Emma Pedreira.

Amais da dotación económica estipulada nas bases do certame, o poemario publicarase na colección “Arte de Trobar” do PEN Clube.