Print this page

Xosé María Álvarez Cáccamo galardoado co Premio Cultura Galega de Letras 2018

Rate this item
(0 votes)

Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2018. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do goberno do país, Román Rodríguez.

Na modalidade de Letras o galardoado é Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual. Licenciado en filoloxía románica e profesor de literatura entre 1973 e 2010, o vigués é autor dunha prolífica obra que, desde a publicación do seu primeiro poemario, Praia das furnas, en 1983, non deixou de medrar. Ademais de poesía, cultivou relato breve e teatro, e realizou numerosos estudos centrados na poesía galega da segunda metade do XX, ademais de incursións na literatura infantil. A calidade do seu traballo fíxoo merecedor de destacados premios, como o Esquío, o González Garcés, o Arume de Poesía para Nenos ou os da Crítica de Galicia e de España.