Print this page

Xosé Manuel Núñez Seixas gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020

Rate this item
(0 votes)
Xosé Manuel Núñez Seixas Xosé Manuel Núñez Seixas Foto: Galaxia

O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas fíxose, coa obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020. O galardón convócano conxuntamente a editorial Galaxia xunto ao goberno de Galicia co apoio de Caixa Rural Galega. O xurado, que concedeu o premio por maioría, destacou a calidade e variedade temática dos orixinais presentados, así como a capacidade analítica do traballo seleccionado.

De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975) presenta, cun estilo diáfano e crítico, o fenómeno da utilización do folclore e dos seus símbolos por parte do fascismo e faino baseándose nunha ampla e rigorosa documentación e aplicando un enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas. Por parte, a obra salienta a actualidade do tema ao vincular os feitos históricos que trata co presente.

O autor, Xosé Manuel Núñez Seixas (Ourense, 1966), é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia. É catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e autor de numerosos artigos e monografías. As súas investigacións céntranse na análise comparada dos nacionalismos, nos estudos migratorios e na historia cultural da guerra. En 2019 foi galardoado co premio de ensaio que outorga a Ministerio de Cultura e Deporte do estado español pola obra Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018.

Este 2020, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio chega ao seu vixésimo aniversario homenaxeando o filósofo e político galeguista que lle dá o nome. Desde a súa creación, no ano 2000, foron premiados autoras e autores como Anxo A. Rei Ballesteros, Xosé Luís Barreiro Rivas, Teresa Moure, Rebeca Baceiredo, Xosé Ramón Quintana Garrido, Manuel Pérez Rúa ou Xaquín Núñez, entre outras.