Print this page

Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza gañan o XXXIII premio Antón Losada Diéguez

Rate this item
(0 votes)

Manuel Antonio. Unha vida de rebeldía (Xerais) de Xosé Luís Axeitos e Terradentro (Xerais) de Xosé Benito Reza, son as obras gañadoras do premio Antón Losada Diéguez na súa XXXIII edición.

Así o declararon no día de onte un xurado formado por Diego Fernández Nogueira, concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño; Manuel Doval Soto, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Chus Pato, representante da Real Academia Galega; Francisco Calo Lourido, representante do Museo do Pobo Galego; Pegerto Fernández Saavedra, representante do Concello da Cultura Galega; María Teresa López Fernández, representante da Universidade da Coruña; e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, representante da Universidade de Santiago de Compostela; actuando como presidenta Ana Patricia Torres Madureira, concelleira de Cultura de Boborás; e como secretario Jorge Moreno Martín-Caloto, secretario do Concello de Boborás. O Premio Antón Losada Diéguez convócase anualmente desde 1985 polos concellos de Boborás e O Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense e consta de dúas categorías: narrativa e ensaio.

Sobre Manuel Antonio. Unha vida de rebeldía (Xerais) de Xosé Luís Axeitos  o xurado declarou que estamos ante “unha achega moi ben definida: á vida do poeta rianxeiro, analizada por un investigador de grande altura que leva moitos anos dedicado a desvelar o misterio do autor recoñecido dende sempre, pero non sempre ben coñecido. Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de presentarnos a Manuel Antonio, o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismo, tal cal foi, sempre á procura da liberdade. É o ramo a edición completa da obra de Manuel Antonio. Un traballo filolóxico monumental. Extraordinario traballo de investigación nos diversos campos e no que prima o selo contrastado sobre calquera especulación. Achega unha extraordinaria información sobre o autor, familia, contexto, formación, escola de náutica e navegación, participación política e literaria, enfermidade… Unha visión significativa e nova sobre Manuel Antonio.”

Terradentro (Xerais) de Xosé Benito Reza foi merecedora do premio na categoría de narrativa, a ollos do xurado, por estar “escrita nun galego de grande riqueza, e cunha firme raíz, ou variante lingüística ourensá, achéganos a un mundo a piques de desaparecer, con personaxes moi ben trabados e construídos, especialmente o avogado da vila, un arquetipo de Galicia interior que, por diversas circunstancias,  vai ter que se enfrontar a tres misteriosos asuntos: A morte violenta dun vedraio fidalgo na súa casa, a busca da fronteira dos tesouros do que falan as lendas, tesouros soterrados dos mouros e unha inesperada aparición que conmociona a vila: a cadela do alcalde un bo día aparece pintada de verde. A perda do equilibrio e da perfecta simbiose do pasado, xunto coa recreación e a evocación da paisaxe determinan un ritmo áxil e atractivo. En definitiva, Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galicia interior.”

A entrega do premio será o vindeiro 9 de xuño, en Moldes (Boborás) onde viviu Antón Losada Diéguez.