Print this page

Xohana Torres a a Fundación Rosalía de Castro, premiados nos Premios da Cultura Galega 2017

Rate this item
(0 votes)

A poeta recentemente finada Xohana Torres, a Fundación Rosalía de Castro, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, e Cristina Pato son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2017, nas modalidades de Letras, Patrimonio Cultural, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua e Proxección Exterior, respectivamente.

O xurado dos premios reuniuse onte na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, e que estivo integrado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández, por delegación do seu presidente; polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; polo secretario xeral da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Felipe-Senén López, por delegación do seu presidente; polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández, por delegación do reitor. Este ano participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Chelo Matesanz, artista plástica; Xosé Manuel Budiño, músico; Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e Belén Pichel, actriz e presidenta de Escena Galega. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.

O goberno de Galicia convoca anualmente estes premios co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural do noso país nos diferentes ámbitos. O galardón deste ano consistirá nunha obra do artista lucense Paco Pestana, que os premiados e premiadas recibirán nun acto solemne a realizar en próximas datas.

Xohana Torres

A andaina literaria na poesía de Xohana Torres comezou con Do sulco (1957) e proseguiu con obras como Estacións ao mar (Premio da Crítica española en 1981), Tempo de ría (1992) ou Elexía a Lola (2016). En 1971 publicou a súa única novela, Adiós, María, e, un ano despois, o ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos. Da súa faceta de dramaturga naceron Á outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río, mentres que Polo mar van as sardiñas e Pericles e a balea son froito do seu cultivo no eido da literatura infantil e xuvenil.

A concesión do Premio da Cultura Galega de Letras súmase aos diversos recoñecementos que recibiu ao longo da súa vida, entre os que se inclúen o Pedrón de Ouro (1972), o Premio da Crítica (1982), o Premio Celanova (1985) e o Premio da Creación feminina (1992). Xohana Torres faleceu en Vigo o pasado 12 de setembro.

Fundación Rosalía de Castro

O Padroado Rosalía de Castro créase no ano 1947 co fin de arranxar a Casa da Matanza, na que Rosalía de Castro viviu no final da súa vida. Será en 1995 cando se converta en Fundación Rosalía de Castro, institución que fixo da Casa-Museo un dos principais epicentros culturais de Galicia.

Declarada de interese galego, a Fundación ten entre as súas atribucións a de fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía de Castro, do seu esposo Manuel Martínez Murguía e dos seus fillos; así como promover o estudo, edición e divulgación da súa vida e obra, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior a través do Centro de Estudos Rosalianos.