Print this page

Xesús Alonso Montero, Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Letras

Rate this item
(0 votes)
Xesús Alonso Montero Xesús Alonso Montero Foto: Wikipedia

Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente.

Na modalidade de Letras o galardoado é Xesús Alonso Montero, filólogo e historiador da literatura galega. Licenciouse en Filosofía e Letras (especialidade de Filoloxía Románica) na Universidade Central de Madrid no ano 1953. Tres anos despois converteuse en Catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de Maxisterio e, en 1959, seríao de Instituto. Doutorouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca coa tese Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega no ano 1966. Transcorridos oito anos, converteuse en profesor titular de Literatura Española na USC (Colexio Universitario de Vigo) e, en 1989, de Literatura Galega. Chegou a ser, no ano 1991, catedrático de Literatura Galega e, en 1999, Catedrático emérito da mesma Universidade.

No ano 2010, foi nomeado Doutor honoris causa da UNED, á que presentou o discurso Cómo cantaron e contaron a Miguel Hernández os poetas galegos nos anos do franquismo.

A súa obra abrangue distintas perspectivas da lingua, da historia e da literatura e da sociolingüística.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo; a académica numeraria e tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana; a xefa do servizo técnico-xurídico da Subdirección Xeral de Igualdade do goberno de Galicia, Patricia Fernández López; a produtora audiovisual, Mamen Quintas; o exdirector do CGAI- Filmoteca de Galicia, Guillermo Escrigas; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Saco e o presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión Económica e Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Turismo, Cristina Fabeiro, e como presidente o conselleiro de Cultura Román Rodríguez.