Print this page

Xerardo Quintiá gaña o XI premio de poesía Fiz Vergara Vilariño

Rate this item
(0 votes)

O friolés Xerardo Quintiá é o gañador do XI premio de poesia Fiz Vergara Vilariño, convocado polo Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos.

O xurado do premio, formado por Chus Pato, Xiana Arias e Baldo Ramos, e con voz e sen voto Xermán Arias e María Casar, decidiu por unanimidade concederlle o premio ao poemario fornelos & fornelos, de Xerardo Quintiá. O xurado valorou do traballo de Quintiá a exposición da perda dun mundo de aldeas que se transforma en escritura. Unha memoria sostida no idioma dun neno que herda un lugar que se esvae. Pola súa banda, Xerardo Quintiá afirma que o libro forma parte dunha triloxía, co que se verá, polo tanto, ampliado no futuro.

Xerardo Quintiá naceu en Friol no ano 1970 e publicou o seu primeiro libro en 1997, Finísimo pó nas ás (Galaxia). Gañou o III Premio de Poesía Fermín Bouza Brey do Concello de Vilagarcía de Arousa con Poesía en ruta, publicado por Espiral Maior, editorial coa que editará este fornelos & fornelos. Ata o de agora, a súa publicación máis recente é Ke-Tumba Ke-Tamba, publicado hai dous anos en Galaxia.