Print this page

Xavier Queipo faise co Premio Xerais de Novela

Rate this item
(0 votes)

Este sábado tivo lugar na illa de San Simón a gala de entrega dos premios Xerais, unha das datas máis importantes no panorama galego en canto a novela, literatura xuvenil e literatura infantil. Esta edición, que contou coa asistencia de máis de trescentas persoas, entre os que se atopaban Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Javier Bas, alcalde de Redondela; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas da Consellaría de Cultura de Turismo; Carme Adán, deputada do Parlamento de Galicia; Xabier Alonso, director xerente da Fundación Illa de San Simón; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; e de Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros de Galicia; entre outros. A escritora María Xosé Queizán actuou como mantedora literaria, quen rememorou no seu discurso as trobairitz, as donas occitanas que no s. XII compuxeron cantigas na lírica medieval. A velada contou co cantautor punk O Leo i Arremecághona!.

O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, formado por Francisco Pérez Lorenzo (xornalista), Pemón Bouzas (escritor e xornalista), Paula Gómez del Valle (fotógrafa e profesora), Jorge da Cunha (notario), Berta Dávila (escritora) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Extramunde, O caso Ocaso e Todo home é coma a lúa. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Extramunde que, despois de aberta a plica, resultou ser de Xavier Queipo (Francisco Xavier Vázquez Álvarez) e corresponde ao título Extramunde.

Os membros do xurado, no ditame que elaboraron sobre Extramunde, «valoran profundamente a calidade da súa escrita, na que destaca un arranque espectacular e unha enorme plasticidade.». Unha hoste de condenados pola Santa Inquisición, formada por eivados e torturados, parte do santuario dos embruxados cara ao porto de Betanzos, guiados pola man do Capitán Mourelle. Alí, outra man, a de ferro do Capitán Lourenzo de Sousa, tomará o relevo para conducilos, a través dunha viaxe transoceánica, nunha goleta que ten como misión abandonar os condenados á súa sorte na selva de Guiana. Esa viaxe, a propia viaxe é, indubidablemente, a protagonista da novela.

O xurado da Vª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, formado por Isabel Bilbao Freire (representante da Fundación Caixa Galicia), Susana Piñeiro Paz (profesora de Secundaria), María Dolores Tobío Iglesias (profesora de Secundaria), Sabela Vilar Estévez (estudante de 4º da ESO), Andrea Ramos Queixas (estudante de 3º da ESO) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas Ánxela, Gabirro e Pelouro. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Pelouro, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Carré e corresponde ao título Febre.

A obra gañadora relata un episodio, localizado na vila de Noia, daquela febre do volframio, o ouro negro extraído de forma clandestina, durante os anos corenta, xusto despois da Guerra Civil e en plena II Guerra Mundial.

O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas O carreiro das formigas, Prometeo e Trampa de luz. Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.

A chave da Atlántida recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.

Nos vindeiros meses poderemos gozar das obras premiadas.