Print this page

Xaime Isla Couto nomeado presidente de honra de Galaxia

Rate this item
(0 votes)

Editorial Galaxia, Merlín Comunicación e algunhas das Fundacións relacionadas coa mitica editora viguesa están a proceder a un proceso de restruturación e actualización dos seus consellos. Unha das primeiras medidas foi o nomeamento de Xaime Isla Couto como Presidente de Honra das devanditas empresas e da Fundación que leva os apelidos da súa familia. Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol, asume a Presidencia de Honra da Fundación Penzol.

Benxamín Casal, ata agora presidente de Galaxia e de Merlín Comunicación, foi nomeado presidente de ambas as dúas empresas no último consello de administración das mesmas, e Alfonso Zulueta de Haz asume a presidencia executiva da Fundación Penzol, que dende o falecemento de Francisco Fernández del Riego dirixe Francisco Domínguez.

Ao mesmo tempo, Xavier Martínez Covas, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e vencellado dende hai anos a estas institucións, foi nomeado tamén novo Conselleiro Delegado de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, empresas que segue dirixindo Víctor F. Freixanes.

O anterior Conselleiro Delegado, Manuel Meixide, foi nomado Vicepresidente Segundo destas empresas. O Vicepresidente Primeiro segue a ser Alfonso Zulueta de Haz, e o Secretario Xeral de todas elas, así como das Fundacións, Antón Vidal Andión.

Os actuais nomeamentos responden a un proceso de renovación e incorporación de novos conselleiros que se irá facendo pública segundo se vaian confirmando oficialmente. Tanto Xaime Isla Couto como Blanca Jiménez Alonso pasan a ser Presidentes de Honra por razóns de recoñecemento e saúde. A presidencia da Fundación Isla Couto asúmea Cristina Novoa, esposa de Xaime Isla Couto.