Print this page

Víctor F. Freixanes recibe en Bos Aires o premio 'Rosa dos Ventos'

Rate this item
(1 Vote)

O escritor pontevedrés e director de Galaxia Víctor F. Freixanes ven de recibir o premio "Rosa dos Ventos" na súa primeira edición. Este premio organízao o alumnado de 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. O escritor e académico recibe hoxe o premio nunha cerimonia que se celebrará no salón de actos Valle Inclán do Centro Galicia.

A comezos do ano 2012, o alumnado de 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires presentou á Delegación arxentina da Fundación Galicia América unha proposta anovadora e que o órgano xestor do centro educativo aprobou e apoiou atendendo aos baseamentos que tal proxecto ten. Dita proposición, consistente en crear un premio anual para homenaxear a un home ou muller que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do Instituto Santiago Apóstol, mostre compromiso co labor pedagóxico realizado no centro educativo e contribúa na divulgación das actividades que se realizan apoiando as múltiples iniciativas que dende esta beira do Atlántico se presentan, nace coa firme intención de recoñecer humildemente o esforzo das personalidades que desinteresadamente acompañan ao establecemento educativo.

Foi o día 28 de marzo pasado cando, logo de presentar as diferentes suxestións, se realizou a votación estipulada nas bases do galardón. O escrutinio fixou que o alumnado considera merecente do premio "Rosa dos ventos 2012" ao escritor e académico, Víctor F. Freixanes. Tal e como expuxeron os mozos e mozas, a figura do director da Editorial Galaxia representa para o alumnado e para a institución un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico en prol da cultura galega. Ao longo destes anos, o profesor Freixanes non deixou de acudir á institución en todas cantas viaxes realizou á capital arxentina, apoiou os traballos do centro educativo, acompañou o crecemento institucional e, en moitos casos, introduciu na nosa realidade a importantes figuras académicas e políticas da nosa cultura. Por riba, non deixou de espallar con criterio obxectivo, alleo a galanos de compromiso, os traballos do instituto en todas cantas oportunidades tivo tanto na Galicia administrativa como na da diáspora.

Por todo o anterior e máis, o alumnado de 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires séntese orgulloso de que este primeiro premio "Rosa dos ventos" recaia na súa figura.

O Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires vén desenvolvendo dende xa hai máis dunha década un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial. Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas do país.