Print this page

Voz unánime dos escritores galegos en prol do uso público do mosteiro de Celanova

Rate this item
(0 votes)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convoca os escritores e escritoras galegas á participación activa no acto que se celebrará o vindeiro sábado 9 de abril no IES de Celanova. Non é esta a primeira actuación de compromiso conxunto da AELG coa Plataforma en defensa do Poleiro, que constituíu unha proclama unánime no libro En defensa do Poleiro (Toxosoutos), onde máis de sesenta escritores alzaron as súas voces na defensa do uso público do Mosteiro de Celanova.

Ante os movementos do concello de Celanova, co respaldo da Xunta de Galicia, de converter o mosteiro de Celanova (actualmente un IES) nun hotel-monumento, tanto a cidadanía como o mundo da cultura unen as súas voces coa finalidade de conservar o patrimonio dos celanoveses e galegos en xeral.

Organizado polo IES de Celanova, a Plataforma en defensa do uso público do mosteiro de Celanova e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o 9 de abril terá lugar un Encontro Nacional de Escritores e Escritoras galegas no IES de Celanova. O programa a desenvolver é o seguinte:

12.00 h. Biblioteca: Acollida aos/ás participantes. Doazón de exemplar(es) da obra de cada escritor/a para a biblioteca do instituto. Saúdo de cada escritor/a. Interpretación musical a cargo de alumnado do centro.

12.45 h. Percorrido guiado polas dependencias do instituto.

13.15 h. Claustro do Poleiro: Exposición pictórica da serie Paisaxe calcinada, de Mané Boán. Mostra de traballos do alumnado dos centros de ensino da bisbarra relativos á promoción do uso do idioma galego. Está organizada pola Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia.

13.30 h. Recitado de poesía galega, diante da entrada do instituto, perante o busto de Celso Emilio Ferreiro, a cargo de escritores e escritoras participantes no acto.

14:30 h. Xantar.

Máis información na web da AELG: http://www.aelg.org/GetActivityById.do?id=217