Print this page

Volven con máis forza os Premios da Crítica Galicia

Rate this item
(0 votes)

A xunta directiva da Fundación dos Premios da Crítica Galicia aprobou as bases que rexerán a convocatoria que recoñecerá o traballo da creación cultural galega realizado o pasado ano 2010. Nesta 34ª edición os premios abranguen seis modalidades: «Creación literaria», «Investigación», «Música», «Iniciativas Culturais», «Artes Plásticas e Visuais», e «Artes Escénicas e Audiovisuais». A xunta directiva acordou por unanimidade suprimir a modalidade de «Galego Egrexio» coa intención de recuperar o espírito fundacional dos premios, alicerzados sobre o recoñecemento do labor creativo anual en cada un dos eidos da creación cultural e investigación en Galicia, así como pola existencia na actualidade doutros importantes recoñecementos, tanto institucionais como cívicos, a traxectorias a prol da cultura galega.

 

Outra das novidades da presente convocatoria é a creación de dúas novas modalidades a de Ártes Plásticas e Visuais» e a de «Artes Escénicas e Audiovisuais», así como a ampliación do descritor da modalidade de «Creación Literaria», onde poderán ser premiables obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, publicadas ao longo do ano 2010.

 

O xurado de cada unha das modalidades estará formado por sete persoas, que terán competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.

 

O ditame dos xurados desta 34ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o 22 de outubro de 2011 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, baixo o lema «Eis o canto eterno dunha terra», sintagma acuñado polo poeta Lois Pereiro, a quen rende homenaxe a sociedade galega este ano.

 

Os Premios da Crítica Galicia convocáronse por vez primeira no ano 1978 e ao longo destes máis de trinta anos recoñeceron a persoeiros da nosa cultura como Isidro Parga Pondal, Álvaro Cunqueiro, Francisco Leiro, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Carlos Casares, entre outros.