Print this page

Volve o Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador"

Rate this item
(0 votes)

O vindeiro luns 30 de setembro, coincidindo Día Internacional da Tradución, comezará o VIII Obradoiro Internacional de tradución poética Con barqueira e remador, un evento coordinado pola poeta Yolanda Castaño.

A iniciativa desenvolverase ata o 5 de outubro. Serán seis días onde seis autores procedentes de diversos países realizarán un labor de tradución colectiva, presencial e recíproca aos idiomas representados, que nesta edición son o galego, o nepalí, o maltés, o árabe, o portugués e o letón. Máis polo miúdo, os participantes serán unha das voces máis prestixiosas da poesía iraquí contemporánea, Manal Al-Sheikh; un dos nomes imprescindibles da literatura en lingua maltesa, Adrian Grima; unha das plumas máis interesantes da poesía europea moza: o letón Arvis Viguls; o escritor portugués Rui Cóias; e dende a afastada Nepal, a poeta e editora Itisha Giri, que xa manifestara un interese pola lírica galega. Como anfitrión poético estará o poeta rianxeiro Gonzalo Hermo, encargado das versións, prólogo, textos e edición literaria do libro que se publicará cos resultados deste Obradoiro.

Unha vez de volta nos países de orixe logo do traballo realizado en Galicia, cada participante dará a coñecer os resultados en revistas especializadas, magazines literarios ou publicacións colectivas, completando o círculo dun proxecto singular que contribúe á divulgación dun xénero referencial como a poesía.

A iniciativa complétase con dous recitais poéticos en linguas orixinais e con traducións ao galego. O primeiro terá lugar o mércores día 2 ás 20.00 h. na Casa das Campás de Pontevedra. Ao día seguinte, ás 19.00 h. celebrarase en Vigo un recital na Galería.