Print this page

Vítor Vaqueiro recibirá a homenaxe da AELG "O Escritor na súa Terra"

Rate this item
(0 votes)

O escritor Vítor Vaqueiro recibirá este sábado 19 de setembro en Santiago de Compostela a homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Esta homenaxe, que este ano chega a súa XXVI edición, tomouse por unanimidade da Asemblea de Socios e Socias da AELG.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Será unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido polo propio autor) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Vítor Vaqueiro naceu no ano 1948. Fotógrafo e escritor, a súa andaina literaria está marcada pola poesía, xénero que cultivou case en exclusiva durante os anos 80. O seu primeiro libro de narracións foi O soño dirixido (1992), ao que seguiron outros. En 1968 recolle e poetiza as experiencias santiaguesas do ano citado, as asembleas, as manifestacións, a politización da universidade... Tamén desenvolveu un importante traballo no eido da divulgación sobre as festas populares de Galicia  e da súa mitoloxía. Colaborou con A Nosa Terra, Tempos Novos e Sermos Galiza. Entre os galardóns á súa obra literaria atopamos o premio de poesía do Facho, o Esquío, o premio da Crítica de poesía ou o Irmandade do Libro.

 

PROGRAMA DE ACTOS

Sábado, 19 de setembro

11.30 h. Parque de Galeras (Santiago). Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólico do escritor).

Acto de entrega da “Letra E”

– Lectura da acta de concesión, Anna R. Figueiredo, vicepresidenta da AELG en funcións.

– Intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Xabier Paz: Laudatio.

– Entrega da peza escultórica da artista Soledad Penalta.

– Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Vítor Vaqueiro.

– Intervención do Alcalde de Santiago de Compostela, ou persoa en quen delegue.

 

Para adaptarse da mellor maneira posíbel á excepcional situación sanitaria que estamos vivindo, os dous actos terán lugar finalmente no mesmo espazo, o Parque de Galeras, correctamente acondicionado para este evento.

Dende a organización prégase a aquelas persoas que vaian asistir que o comuniquen no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. antes do 18 de setembro, indicando o seu nome, apelidos e teléfono, de acordo coa normativa sanitaria vixente para este tipo de eventos.

Neste 2020, o xantar de confraternidade suspéndese pola situación sanitaria xerada pola Covid-19.

Máis información: