Print this page

Vinte e un anos sen Ramón Piñeiro

Rate this item
(0 votes)

Máis de dúas décadas despois do seu pasamento, o legado de Ramón Piñeiro (Láncara, 1915–Santiago de Compostela, 1990) a prol da recuperación da lingua e da cultura galegas segue hoxe vivo. O filósofo e galeguista, do que o pasado sábado se cumpriron o vixésimo primeiro cabodano, contribuíu a impulsar múltiples proxectos políticos, editoriais, literarios ou xornalísticos. Entre eles, cómpre salientar a Editorial Galaxia, o Consello da Cultura Galega e a revista de cultura Grial, proxectos todos eles que continúan a súa traxectoria na actualidade.

O traballo de Ramón Piñeiro á fronte destas iniciativas convertérono nunha das figuras máis influentes e decisivas da Galicia da segunda metade do século XX. A súa produción intelectual xirou arredor principalmente do ámbito político, con propostas para a articulación dun pensamento galeguista fortemente enraizado na sociedade galega do momento e que fose comprensible para a cidadanía; da filosofía, con contribucións senlleiras sobre o significado da saudade; e da lingua galega.

Sobre o tema da lingua, Ramón Piñeiro reflexionou en profundidade, sempre desde unha postura de respecto, cordialidade e entendemento. Entre as súas preocupacións tiveron un gran peso a relación entre idioma e sociedade, a situación social da que gozaba o galego, as causas que impedían o seu avance na sociedade e as accións necesarias para acadar a súa extensión na vida diaria. Esta preocupación pola dignificación social do galego guiou o seu traballo na elaboración e aprobación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, na que tamén participaron outros ilustres galeguistas.

Piñeiro vía a lingua galega non só como un medio de comunicación, senón que a consideraba o sinal distintivo da identidade dun pobo e dunha cultura. Argumentaba que o feito de sermos galegos e galegas se debe en parte a termos unha lingua que nos diferencia dos individuos doutras comunidades lingüísticas e a dispormos dunha cultura que se expresa nunha lingua que lle confire a súa singularidade. Nesta formulación, lingua e cultura están unidas, proxectándose mutuamente.

Esta visión da lingua como elemento identitario de todo o pobo galego é o que explica tamén a súa postura, ás veces non ben comprendida, de que a lingua galega fose apoiada por todas as forzas políticas. En consecuencia, Ramón Piñeiro consideraba que a defensa do idioma non debía ser nin responsabilidade nin patrimonio exclusivo de ningún partido político ou ideoloxía en particular.