Print this page

Unha xornada para a memoria do escritor franciscano Samuel Eiján

Rate this item
(0 votes)

O convento de San Francisco de Santiago de Compostela acollerá na tarde do vindeiro mércores 12 de decembro a xornada Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega.  Esta xornada está organizada pola Provincia Franciscana de Santiago, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e conta coa colaboración do Museo do Pobo Galego e do Consello da Cultura Galega.

Samuel Eiján (Leiro, Ourense, 1876 – Santiago de Compostela, 1945) foi novelista, ensaísta, poeta, tradutor, historiador e profesor. O relixioso franciscano escribiu parte da súa obra en galego e converteuse axiña nun referente para a intelectualidade do momento, pero a súa creación e a súa figura ficaron esquecidas nos últimos tempos fóra do ámbito dos especialistas. Esta xornada ten como obxectivo recuperar o papel que tivo el relixioso franciscano dentro da cultura do país e como membro da Real Academia e do Seminario de Estudos Galegos. Terá tres relatorios e finalmente realizarase a presentación do libro Samuel Eiján. Poesía reunidaeditado e con estudos introductorios de Francisco Leira Castiñeira (Grupo de Investigación Histagra) e Armando Requeixo (Centro Ramón Piñeiro).

A xornada xornada Lembrando a Samuel Eiján comezará á16.00 h. no Salón Carlos V do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela.

 

Programa

16.00 h. Francisco Leira. Samuel Eiján. Tempo e pensamento. 

16.45 h. Armando Requeixo. A teopoética galega de Samuel Eiján.

17.30 h. José R. Rodríguez Lago. Venturas e desventuras da relación entre o clero católico e o galeguismo.

18.30 h. Pausa.

19.00 h. Presentación do libro Samuel Eiján. Poesía reunida, editado por Francisco Leira e Armando Requeixo.

Interveñen: Juan Manuel Buxán (Provincia Franciscana de Santiago), Dolores Vilavedra (Consello da Cultura Galega) e Justo Beramendi (Museo do Pobo Galego).

20.00 h. Clausura.

Víctor Fernández Freixanes (presidente da Real Academia Galega), Valentín García Gómez (secretario xeral de Política Lingüística) e José Antonio Castiñeira Chouza (ministro da Provincia Franciscana de Santiago).