Print this page

Unha semana de actividades para lembramos a Paco Souto

Rate this item
(0 votes)

O mundo da cultura galega comeza a escribir as Novas crónicas de Malpica a través dun programa de actos que terán como eixo fundamental a figura do finado Paco Souto. Creadores das máis diversas disciplinas daranse cita na vila costamortina entre o 31 deste mes e o 5 de novembro para lembrar, coincidindo coa entrega do premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, a quen foi o seu principal impulsor.

Esta nova iniciativa da Asociación Cultural Caldeirón conta co apoio do Concello de Malpica, Tingalaranga, Confraría de Pescadores e Asociación Cultural Malante, e co patrocinio de Viños Tano, Carnicería Moncho e Forno Novo Panadería. Entre todas e todos, e coa colaboración de numerosas persoas do mundo da cultura, vaise desenvolver un programa de actividades para todos os públicos que trata de facer honor a unha das máximas de Paco Souto: “A vida sen paixón só é un trámite”.

Con toda a paixón, o programa de actividades arrancará mañá martes 31 no CEIP Milladoiro con “Poemar o mar”, unha iniciativa de promoción da poesía dentro da escola baseada dun dos elementos aos que tantos versos dedicou o propio Paco Souto. E desde o 1 ata o 5 de novembro desenvolveranse todo tipo de propostas como recitais, teatro, exposicións, etc. en diversos escenarios. O Centro Cívico de Malpica, a Casa do Pescador, locais de hostalaría, a Casa da cultura de Seaia e tamén as rúas acollerán as actividades.

Ademais, o sábado 4 farase público o fallo do xurado do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, coincidindo cunha Cea das Letras tamén moi especial. No acto do día 4 tamén se realizará a presentación de O home invisíbel, a obra gañadora do ano pasado, da autoría de Xabier Queipo.

Máis información: