Print this page

Unha novela coral e rebelde permite a Xosé Ricardo Losada gañar o II Premio Viadutos de Novela

Rate this item
(0 votes)
Xosé Ricardo Losada Xosé Ricardo Losada Foto: Eduardo Castro Bal

Reunido nas dependencias municipais de Redondela, o xurado do II Premio Viadutos de Novela decidiu declarar gañadora a obra A casa xunto ao volcán que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Xosé Ricardo Losada.

O xurado, composto polas escritoras Iolanda Zúñiga e Anna R. Figueiredo (gañadora da pasada edición), a xornalista María Jesús Argibay, a profesora Patricia Arias Chachero, a editora Malores Villanueva, e técnica de Xuventude Sonsoles Lores, como secretaria con voz e sen voto, salientou “destaca a fortaleza dunha voz feminina en construción que evoluciona ao longo do relato na busca da súa identidade”.

En A casa xunto ao volcán, a través da voz dunha adolescente, o autor móstranos o pensamento crítico dunha sociedade na que a filosofía pode e debe ter un papel relevante e necesario. Ponse en valor a importancia do ensino como axente creador de persoas íntegras e libres.

A novela ten unha estrutura tripartita e ben deseñada que condiciona un texto áxil, de doada lectura e fondo pouso.

Xosé Ricardo Losada logra ademais unha voz feminina plenamente crible e sorprendente. A casa xunto ao volcán é unha novela coral e rebelde que invita a cuestionarse a orde social establecida e a unha mesma.

O II Premio Viadutos de Novela está convocado polo Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Xuventude, e  conta coa colaboración da editorial Galaxia. A casa xunto ao volcán será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da editorial Galaxia.

O rianxeiro Xosé Ricardo Losada é profesor de Filosofía no Instituto Félix Muriel de Rianxo. En 2005, publicou o libro de relatos O xene da chuvia. Tamén é autor de Dez anos de poesía. Premio Faustino Rey Romero e de Faustino Rey Romero: obra poética e teolóxica, libro sobre a obra completa do crego poeta. Resultado deses traballos de investigación, publica a biografía Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo. A súa primeira novela, Bótame deste mar fóra, saíu á luz en 2017. E o pasado 2018, publicaba a biografía Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego.