Print this page

Unha mostra amosa ao visitante a Biblioteca de Eugenio Granell

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Eugenio Granell inaugura esta tarde a mostra A Biblioteca de Eugenio Granell, unha exposición que funciona a modo de catálogo razoado da biblioteca persoal do artista coruñés, que compila toda unha vida de efervescencia intelectual e un universo de coñecemento.

Na biblioteca o riquísimo fondo bibliográfico ao que se engade o arquivo persoal de Granell, formado sobre todo por correspondencia, ademáis de fotografía, revistas, compilación de arquivos de prensa feitos polo artista e a súa muller Amparo Segarra, maquetas orixinais das creacións literarias de Eugenio Granell deseñadas por él... En definitiva unha ocasión única para completar o mundo persoal do intelectual e artista, onde a súa biblioteca é pedra angular para investigación sobre a súa obra plástica, periodística e literaria.

O acto de inauguración contará coa presenza do Presidente do Padroado da Fundación e Alcalde de Compostela Xosé A. Sánchez Bugallo, e do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia Roberto Varela.

A  mostra dará a coñecer a inxente  biblioteca persoal de Granell, creada conxuntamente por Eugenio Granell e a súa dona Amparo Segarra. A proposta expositiva cartografía a base de volumes coidadosamente escollidos pola comisaria -a directora da Fundación Natalia Fernández- moitos dedicados, correspondencia pertencentes ao arquivo persoal do artista, amais dunha escolla de artigos, revistas e fotografías. A comisaria brinda ao espectador as coordenadas para situarse no mapa de toda unha vida de coñecemento. A exposición ocupará a maior parte das salas do Pazo de Bendaña.

A montaxe complétase con cadros de Granell relacionados co mundo das letras. Haberá libros de e sobre Granell e, en palabras da comisaria, tamén  escritos dos seus bos amigos surrealistas Bretón, Duchamp, Péret Lam... Outras salas mostrarán libros de literatura, surrealismo, política -sobre todo do P.O.U.M e da  Guerra Civil-, arte, e mesmo doutros temas que interesan ao artista como a alquimia, a filosofía, socioloxía e psiquiatría; na montaxe abrolla bibliografía sobre outros temas como a tauromaquia ou conquista do oeste norteamericano. En definitiva, todo un universo de interese.

A mostra estará aberta ata o vindeiro 15 de abril.