Print this page

Unha mostra achega a actualidade da ilustración galega

Rate this item
(0 votes)

A Casa de Cultura Salvador de Madariaga da Coruña ven de inaugurar a exposición Ilustrando Galicia. 2016-2017, unha mostra que pretende achegar á veciñanza a realidade máis recente da ilustración de libros no noso país. A exhibición reúne a obra gráfica de 23 artistas entre os que se atopan creadores e creadoras galegas, ou que se estableceron en Galicia, de ampla traxectoria, así como unha nova xeración que inicia a súa andaina neste eido. Así, o público coruñés poderá coñecer a obra de Marcos Viso, Lucía Cobo, Dani Padrón, David Pintor, Marina Seoane, Óscar Villán, Nuria Díaz, Xan López Domínguez, Víctor Rivas, Andrés Meixide, María Brenn, Xosé Cobas, Marc Taeger, María Lires, Manuel Uhía, Ánxeles Ferrer, Jacobo Fernández Serrano, Ignacio Hernández, Olaya Naveira Souto, Ana Pedreira, Antonio Seijas, Luz Beloso e Rodrigo Chao.

A maior parte das ilustracións pertencen a libros dirixidos ao público lector de entre 6 e 12 anos, e que abranguen historias humorísticas, fantásticas, imaxinativas, cheas de movemento e cor. Na exposición poderase observar as diferencias entre ilustrar texto narrativo e poético, e haberá ocasión para coñecer os álbums ilustrados, volumes de gran formato nos que texto e ilustración se complementan para constituír unha nova linguaxe na que a parte visual é a que achega a maior parte do significado. Os visitantes tamén terán a oportunidade de ver o traballo máis recente vinculado aos libros-disco, vinculados ao público infantil e que recollen música e cancións que se presentan en exemplares ilustrados.

Ilustrando Galicia. 2016-2017 poderase visitar ata o 3 de xuño no horario habitual da na sala de exposicións da Casa de Cultura Salvador de Madariaga, o recinto municipal especializado na exhibición de ilustración e banda deseñada: todos os días, de 12.00 h. a 14.00 h., e de 18.00 h. a 21.00 h. na rúa Durán Loriga, 10 da Coruña.