Print this page

Unha exposición reúne os principais fondos da biblioteca histórica do Instituto Arcebispo Xelmírez I de Compostela

Rate this item
(0 votes)

A compostelá Casa do Cabido acolle a exposición A pegada do coñecemento, que reúne os principais fondos da biblioteca histórica do Instituto Arcebispo Xelmírez I, unhas das mellores de toda Galicia e que foi restaurada durante os últimos dous anos co apoio do Consorcio de Santiago de Compostela.

O IES Xelmírez I posúe un notable patrimonio bibliográfico, unha parte del herdado do antigo Instituto de Segundo Ensino de Santiago, creado en 1845, época na que o centro compartía aulas, profesorado, biblioteca e laboratorios coa Universidade. Recolle os fondos bibliográficos acumulados durante toda a súa historia, procedentes do período vinculado á Universidade, de doazóns de antigos profesores, adquisicións propias…

Entre as xoias que poden contemplarse nesta exposición destacan volumes de moi difícil localización na actualidade, como Las obras de Pvblio Virgilio Maron, que datan de 1650; un exemplar de En las orillas del Sar, de Rosalía de Castro, de 1884; a Historia de la Iglesia de Santiago de Compostela do coengo Antonio López Ferreiro, 11 tomos publicados entre 1898 e 1909; a Biblioteca de Autores Españoles, de 71 tomos, publicada en 1864; varias edicións do Diccionario de la Lengua Española da Real Academia; dicionarios e gramáticas dos séculos XVIII e XIX; manuais de matemáticas, historia, física, química, grego...; atlas antigos, lexislación, revistas científicas… Todo este material procede de diferentes países, entre eles Francia, Italia, Alemaña, Holanda ou Arxentina.

A exposición recolle ademais como foi o proceso de restauración dos fondos bibliográficos da biblioteca, xunto ao tratamento xeral das instalacións, que comezou en 2016. Ao longo dese primeiro ano instalouse un sistema de ventilación asistida que permite controlar a humidade relativa, co fin de evitar a proliferación do mofo, ao tempo que se renovaron as fiestras, as librarías e os estantes", explicou a restauradora.

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata principios do vindeiro mes de xullo. Poderá visitarse de martes a sábado de 10.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 21.00 h., e os domingos de 11.00 h. a 14.00 h. Os luns, a Casa do Cabido está pechada ao público.