Print this page

Un Simposio analizará o labor como escritor e como político de Carlos Casares

Rate this item
(0 votes)

O Consello da Cultura Galega organiza para os días 16 e 17 de novembro o Simposio Carlos Casares, escritor e intelectual público, como homenaxe ao autor a quen a Real Academia Galega dedicou neste 2017 o Día das Letras Galegas.

Unha ollada atenta á historia galega das últimas décadas do século XX revela que Carlos Casares foi moito máis ca un creador e, por esa razón, o Consello da Cultura Galega -institución que presidiu entre 1996 e 2002- quere poñer o foco na súa faceta pública coma escritor e coma intelectual. Neste encontro analízase o papel xogado por Casares no campo político-cultural da Transición e da nacente Galicia autonómica, así como a súa actividade como difusor das letras galegas no exterior e o seu firme compromiso co afortalamento dun sistema literario maduro, autónomo e de calidade.

Nas diferentes sesións deste Simposio contextualizarase na historia das últimas décadas o seu labor político, a súa obra xornalística e o seu compromiso cun xornalismo independente ao servizo do público lector. Tamén afondarase nas súas relacións amicais, institucionais e editoriais con outras literaturas e na importancia que para o Casares creador e editor tivo a tradución entendida non só como canle de exportación e importación de textos e senón tamén como ponte de comunicación intercultural.

Intervirán neste Simposio Luís Álvarez Pousa, Damián Álvarez Villalaín, Antón Baamonde, Tucho Calvo, Xosé Manuel Dasilva, Juan Pablo Fusi, Carlos Pajares Vales, María Xosé Porteiro García, Olivia Rodríguez González, Fernanda Tabarés, Andrés Torres Queiruga, Fernando Valls e Dolores Vilavedra.

O Simposio celebrarase na sede do Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

Máis información: