Print this page

Un poemario construído desde a memoria dos corpos, de Andrea Nunes e María Rosendo, gaña o Illas Sisargas de poesía erótica

Rate this item
(0 votes)
Cea das Letras Cea das Letras Foto: Concello de Malpica

Por terceira vez nas doce edicións do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas gaña unha obra a dúas voces, pero por primeira vez trátase de dúas voces femininas: as de Andrea Nunes Brións e María Rosendo, que acadaron o premio pola súa obra Diáspora de amor balea.

A resolución do premio coñeceuse o pasado sábado, coincidindo coa celebración da Cela das Letras, que tivo lugar na Casa da Cultura de Seaia (Malpica de Bergantiños), nun acto onde tamén se presentou a obra gañadora da pasada edición, O home invisíbel, de Xavier Queipo.

O xurado considerou que a súa Diáspora de amor balea era merecedora do premio “pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica”. Tal como recolle o fallo, “trátase dun epistolario a dúas voces nas que a forza do erotismo está na distancia física entre as voces. É un erotismo imaxinado, cálido, tenro, construído desde a memoria dos corpos e, á vez, na fertilidade da imaxinación. As dúas voces que falan no libro flutúan entre a mímese e a diferenza e dialogan a cada poema con fluidez e personalidade”.

Andrea Nunes é unha das autoras máis recoñecidas das novas xeracións da poesía galega. Publicou Corrente do esquecemento (2007) e Todas as mulleres que fun (2011), ademais de diversas obras colectivas das que destaca a recente 13 antoloxía da poesía galega próxima, publicada por Chan da Pólvora e coordinada por Chus Nogueira. Andrea Nunes, que desde hai algúns anos vive en Nanjing (China), onde traballa como profesora de español, é tamén unha coñecida activista política e feminista.

María Rosendo, pola súa banda, realizou estudos de filoloxía inglesa e educación social. No ano 2010 obtivo o Premio Pérez Parallé co libro Nómade.

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas está promovido pola Asociación Caldeirón e o concello de Malpica. Ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso, as gañadoras verán publicado o seu libro na colección Caldeirón, igual que fixeron as e os gañadores anteriores, onde atopamos a nomes como Antonio García Teijeiro, María Lado, Elvira Riveiro, Ramón Neto, etc.