Print this page

Un novo espazo para a Fundación Plácido Castro

Rate this item
(0 votes)
Sede da Fundación Plácido Castro Sede da Fundación Plácido Castro Foto: F.P.C.

A Fundación Plácido Castro inaugurou hai poucos días a súa nova sede, que se traslada ao inmoble sito no número 4 da rúa Nova, segunda planta, de Cambados.

A nova ubicación acolle unha Exposición Permanente que inclúe unha exposición fotobiográfica de once paneis e seis vitrinas nas que se fai un repaso das orixes familiares, as súas principais vocacións (xornalismo, tradución, compromiso político e docencia), e das relacións con Cambados.

A mostra conta con moitas pezas inéditas, incluída a súa máquina de escribir, fotografías, libros e numerosos documentos que dan conta dunha prolífica traxectoria.

Ademais dun expositor con todas as publicacións promovidas pola Fundación dende a súa constitución hai case dúas décadas, progresivamente incorporará a súa biblioteca persoal e numerosos materiais que serán debidamente clasificados para quedar a disposición dos investigadores.

Unha escultura en terracota de José Molares, quen recentemente recibiu en Madrid o Premio Reina Sofía de Pintura e Escultura na súa 54ª edición, preside a sala. Trátase dunha réplica do busto de Plácido Castro que foi instalado na rúa Reconquista, 10, en Vigo.

A Fundación prepara para as próximas semanas un plan de dinamización de actividades para impulsar e visibilizar a figura de Plácido Castro, aproveitando as novas instalacións, cedidas pola concellaría de Cultura do Concello de Cambados.

Plácido Castro (1902-1967) é unha figura orixinal e singular no panorama galeguista de comezos do século XX. Destacou como tradutor e xornalista, ademais de ser membro da dirección do Partido Galeguista dende a súa fundación. Como tradutor Castro trouxo ao galego autores ingleses e irlandeses como W. B. Yeats, Rossetti, Blake,... A versión galega de As Rubáiyát do poeta persa Omar Khayyám, constitúe un revelador exemplo do seu bo facer. Anualmente convócase un Premio de tradución que leva o seu nome.