Print this page

Un ano sen Marcos Valcárcel

Rate this item
(2 votes)

Hoxe cúmprese un ano dende que nos deixou o escritor, historiador e intelectual ourensán Marcos Valcárcel. Os seus compañeiros e amigos do Liceo de Ourense, entidade da que foi o Director da Sección de Literatura, renderanlle unha merecida homenaxe o vindeiro luns 12 de decembro ás 20.15 h. na Aula de Cultura do Liceo.

Marcos Valcárcel naceu en Ourense no ano 1958. Doutor en Historia Contemporánea e catedrático de Lingua e Literatura Galegas, desenvolveu o seu traballo de investigación na historia política do galeguismo en relación con Ourense e a historia cultural da cidade: A prensa en Ourense e a súa provincia (1987), Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (1988), A cidade da Xeración Nós (1996), Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998), «Ourense, a gran cidade literaria», en A memoria de Ourense (1999), Ourense, craro río, verde sol. A cidade na voz dos seus poetas (2001), Carlos Casares, punto de encontro (2002), etc. Publicou ademais Xoaquín Lorenzo. Vida e obra ( 2004) e preparou a edición da Poesía en galego de Antón Tovar (2005). A súa publicación máis recente foi a Historia de Ourense que publicou en Xerais. Marcos Valcárcel foi membro correspondente da Real Academia Galega, da Fundación Carlos Casares e da Fundación Curros Enríquez. En prensa foi colaborador dos xornais La Región e Galicia Hoxe. A través do seu blog As uvas na solaina (http://asuvasnasolaina.blogspot.com) creou na blogosfera un punto de encontro e de debate. De feito, As uvas na solaina foi premiado polos lectores de Fervenzas Literarias como mellor blog do 2008.