Print this page

Teresa Moure faise co Ramón Piñeiro de Ensaio

Rate this item
(1 Vote)

A obra Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións, da que é autora Teresa Moure, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa e o Centro Ramón Piñeiro. A esta edición presentáronse 12 orixinais e a resolución do premio deuse a coñecer o pasado mércores 28 de decembro.

O ensaio premiado nesta undécima edición do Premio Ramón Piñeiro, que amais da dotación económica establecida nas bases do certme conleva a publicación na editorial Galaxia este 2012, realiza unha aproximación á literatura galega desde a teoría Queer, reflexión que transcende o literario e ten un claro potencial para incidir no debate social en Galicia, no que tamén se abranguen os usos inclusivos da linguaxe. O texto premiado cuestiona a utilidade de formas, coma “Boas tardes a todos e a todas”, coas que se baleira o potencial transformador do feminismo.

O ensaio de Teresa Moure, que se presentou co pseudónimo de Ramón Agrelo en alusión ao cuestionamento de xénero, vai máis alá da tradición feminista para criticar a construción das categorías home/muller e desmontar tanto a tradición hetero-normativa coma a do propio feminismo.

O xurado, que concedeu o premio por maioría e estivo formado por Ernesto González Seoane, María López Sández, Susana Reboreda Morillo, Anxo Tarrío Varela e Carlos Lema, salientou a calidade media dos doce orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.