Print this page

Suso de Toro e Anxos Sumai, autores convidados nas XXI Xornadas de lingua e literatura

Rate this item
(0 votes)

Dúas das persoas máis próximas a Lois Pereiro, escritor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, abrirán as XXI Xornadas de Lingua e Literatura que se celebran en Compostela do 29 ao 30 de abril e organizadas pola CIG-Ensino e a AS-PG. O escritor e amigo Manuel Rivas e o xornalista e irmán Xosé Manuel Pereiro promoven xunto co músico Manuel Clavijo Marcos o espectáculo Debullando a Lois Pereiro. A vida, a imaxe e o son. Comezarán así dous días do intenso programa arredor da nosa lingua e literatura con algunhas das máis destacadas figuras do noso panorama cultural como son Francisco Rodríguez, Anxos Sumai, Suso de Toro, Inma López Silva, García Negro, Carlos Callón, Henrique Monteagudo ou Rexina Veiga.

Como cada ano, a CIG-Ensino e a AS-PG convida a dous escritores para que falen da súa obra e do seu proceso creativo. Nesta edición, dúas das voces máis singulares e relevantes do noso panorama literario achegaranos a súa literatura, as súas obras publicadas e ás que están a elaborar neste momento. Suso de Toro e Anxos Sumai serán os nomes desta sección pola que xa pasaron boa parte dos escritores galegos, nun apartado de singular éxito nas xornadas e no que os autores/as adoitan dar noticias da súa traxectoria.

As Xornadas de Lingua e Literatura fanse eco tamén nesta edición das importantes efemérides deste ano. De Álvaro Cunqueiro lembrarase no centenario do seu nacemento a profesora e escritora Rexina R. Veiga -autora dunha tese doutoral sobre o escritor e gañadora do Premio Xerais- e á singularidade de Castelao na nosa literatura achegaranos no 125 anos do seu nacemento o investigador e profesor Manuel Rei Romeu.

Podes ver o resto das actividades e máis información no folleto das XXI Xornadas de lingua e literatura.