Print this page

Sesenta proxectos editoriais benefícianse das axudas para a tradución

Rate this item
(0 votes)
Tártarus será traducida ao inglés Tártarus será traducida ao inglés

Un total de 60 proxectos editoriais benefícianse das axudas á tradución promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura do goberno de Galicia, segundo a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170606/AnuncioG0164-240517-0001_gl.pdf

Dos 60 proxectos a subvencionar, 15 correspóndense con obras en galego para a súa tradución ao inglés, ao catalán, ao castelán, ao portugués e ao brasileiro, e as 45 restantes reciben apoio para a súa tradución desde outras linguas para o galego.

Entre os títulos publicados orixinariamente en galego que verán a luz noutros idiomas atópanse Minimalario, de Pinto & Chinto, ao catalán; Muros de aire, de An Alfaya, ao castelán; O último día de Terranova, de Manuel Rivas, ao portugués; A soidade das medusas, de Iria Collazo, ao brasileiro; e mais Nordeste, de Daniel Asorey, tamén ao brasileiro. Completan esta relación os seguintes títulos galegos para a tradución ao inglés: Tártarus, de Manuel Antonio Fraga; Europa Express, de Andrea Maceiras; Ámote, Leo A. Terminal de... chegadas?, de Rosa Aneiros; Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández; O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz; Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo; e mais as obras de Uxío Novoneyra Os Eidos, A voz herdada, Tempo de elexía e Antonoloxía poética.

Muros de aire, A señora Dalloway, Saltón verde, O curioso mundo de Calpurnia Tate, Biodiversidade: Cara a unha sexta extinción masiva, Ler o mundo, O ano da lebre, O neno do vestido, A avoa gángster, Oryx e Crake, Carta a un profesor mozo, Pyongyang e Corredoira-Holloway son algunhas das 45 obras escritas orixinariamente en diferentes linguas e que estarán accesibles para o público en galego.

O proxectos beneficiarios foron presentados por un total de 16 entidades editoriais: Edicións Xerais, Rinoceronte, Kalandraka, Kalandraka Catalunya e Kalandraka Portugal, Sacaúntos S.C.G., Novovinilo Ed., Irmás Cartoné, Edicións Laiovento, Hércules de Ediciones, Alejandro Tobar (Hugin e Munin), Catro Ventos, Fundación Uxío Novoneyra, Editorial Galaxia e Small Stations Press.

Para a valoración dos proxectos, a comisión avaliadora tivo en conta diferentes criterios, como o número de edicións da publicación a traducir, a actualidade da obra, a vixencia dos dereitos de propiedade intelectual, o currículo da persoa responsable da tradución, o interese do proxecto para a cultura galega e o plan de distribución da obra, xunto coa súa viabilidade.