Print this page

Sara Plaza Moreno obtén a XXXIII Edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Rate this item
(0 votes)
Sara Plaza Sara Plaza Foto: Concello de Fene

A madrileña Sara Plaza Moreno obtivo a XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.

O xurado escolleu o libro de Sara Plaza, titulado todos os pasos fan ruído, de entre 76 obras presentadas a concurso este ano.

Trátase da XXXIII edición deste Premio, creado para homenaxear o poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.

A autora galardoada, mestra de formación, tradutora e revisora de textos, aprendeu galego pola súa conta, preocupada pola situación social e lingüística galega. Lera na prensa sobre as condenas xudiciais a catro rapaces independentistas galegos, e "dende unha dor física e moral que abranguía moitas dores" comezou a escribirse cun deles que se atopaba na cadea. Conta que nalgunha daquelas primeiras cartas ela desculpábase por non coñecer case nada de Galicia e tampouco non saber a súa lingua propia. Esa correspondencia, a amizade que entreteceron e as que dela agromaron, as moitas lecturas, o estudo devagar e a poesía, poñen diante dos seus ollos un mundo ao que, andando o tempo, decide trasladarse. A finais do verán de 2019 chega a Lugo para facer un mestrado na USC e, mentres estaba a preparar o seu TFM, durante o confinamento pola covid-19, gurgulla nas súas mans un libro de poemas. Foron os amigos os que primeiro se decataron e animárona a compartir a súa escrita. Ese libro é o que hoxe foi galardoado neste certame.

Sara Plaza Moreno súmase así á listaxe de autoras e autores galardoados no Pérez Parallé e que conta con nomes xa relevantes na poesía galega: Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro Padín, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto, María Rosendo, Lorena Souto, Marisol Gándara, Fran Cortegoso, Eduard Velasco, Jesús Castro Yáñez, Míriam Ferradáns, Carlos Lixó, Amauta Castro e Regina Touceda.

A entrega do premio terá lugar, se o permiten as circunstancias sanitarias, o próximo sábado 21 de novembro ás 20.00 h. na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.

O xurado desta edición estivo integrado por Carlos Lixó, Lucía Novas e Iris Cochón.