Print this page

Santiago de Compostela celebra ata o 8 de maio a Feira do Libro

Rate this item
(0 votes)

'A patria na palabra'. Con este verso na lembraza de Manuel María, o poeta ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas, arrancou este pasado sábado 30 de abril a Feira do Libro 2016 de Santiago de Compostela, a terceira tras o seu paso por Pontevedra e Ferrol, de cantas se celebran en Galicia e que abrirá as súas portas ata o domingo 8 de maio cun programa extenso e completo de actividades para todos os públicos.

Casetas de librarías e editoriais, ademais das institucionais e a caseta da Biblioteca Ánxel Casal, dan forma a esta feira que se instalará na céntrica Alameda compostelá, que tamén acolle estes días a celebración das festas locais da Ascensión. O pregoeiro desta edición foi o xornalista Xavier Cea.

Ao longo dos nove días de Feira achegaranse ata a capital do país máis de 25 autores que estarán asinando as súas últimas novidades, como Concha Blanco, Tamara Canosa, Mercedes Queixas Zas, Miguel Ángel Alonso Diz, Héctor Cajaraville, Fran Alonso, Ramón Caride ou Antonio M. Fraga, entre outros moitos. Pero non só haberá libros, as presentacións e encontros cos autores veranse complementadas con obradoiros, roteiros, contacontos, exposicións ou espectáculos humorísticos, como o que realizará Cándido Pazó coa súa homenaxe a Xosé Neira Vilas o xoves 5 de maio.

Para as e os visitantes haberá un desconto do 10% en todas as vendas feitas na Feira do Libro, ademais de entrar no sorteo dun lote de libros.

A Feira do Libro de Santiago e Compostela estará aberta de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.30 h. a 21.30 h. As fins de semana e festivos, o peche das mañás será ás 14.30 h.

Download attachments: