Print this page

Rosario Álvarez Blanco substitúe ao fronte do Consello da Cultura Galega a Ramón Villares

Rate this item
(0 votes)

Rosario Álvarez Blanco substituirá ao fronte do Consello da Cultura Galega (CCG) a Ramón Villares, tras a finalización do seu mandato. A candidatura de Rosario Álvarez  foi a única presentada para a presidencia do CCG. A nova Presidenta do CCG xa ostentaba a vicepresidencia da institución desde 2010. 

No seu discurso de presentación, Rosario Álvarez debullou as liñas estratéxicas da súa candidatura, que definiu como de “continuidade, non continuísmo” e como unha nova etapa que incorporará “novo pulo, novos retos e novos modos” á institución. Álvarez destacou a súa aposta pola xestión participativa e por “explotar ao máximo a fortaleza representativa do CCG” e o seu “carácter referencial” para a cultura galega. 
Rosario Álvarez subliñou a necesidade de traballar desde o CCG pola igualdade de xénero na cultura, pero tamén na igualdade de oportunidades no acceso a esta, a través de tres eixos: “a idade, o territorio (eixo atlántico /provincias orientais) e o hábitat”.

Rosario Álvarez Blanco naceu en Pontevedra no ano 1952 e é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. No Consello da Cultura Galega ten asumido a coordinación e participación en numerosos proxectos vinculados ao estudo da lingua e da difusión do patrimonio documental de Galicia. É membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego, coautora de dúas gramáticas do galego, con Monteagudo/Regueira (1986) e Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. Ademais, é directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora de Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna. Dirixe a revista Estudos de Lingüística Galega.Álvarez Blanco é membro da Real Academia Galega desde o ano 2003.