Print this page

Ribeira celebra a súa tercera feira do libro ata o domingo

Rate this item
(0 votes)

As Feiras do Libro de Galicia 2017 realizan a súa próxima parada no municipio coruñés de Ribeira. Desde o 22 e ata o 25 de xuño, a praza do Concello será o escenario desta nova cita co libro e coa lectura, promovida pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura do goberno de Galicia, e que conta en Ribeira co apoio do Concello da Deputación Provincial da Coruña.

Serán catro días de festa arredor do libro, canda á venda de obras, as Feiras do Libro de Galicia ofrecen actividades infantís, monicreques, sesións de contacontos, sinatura e presentacións de libros cos seus autores e autoras, encontros etc. para favorecer a participación cidadá nestes eventos e fomentar a lectura a través de diferentes formatos.

A programación en Ribeira dará comezo o xoves 22 ás 12.00 h. cun acto sobre Carlos Casares, a quen a Real Academia Galega e o país homenaxearon este ano co Día das Letras Galegas. De seguido Serafín Marcos lerá o pregón inaugural da festa. A partires de aquí, e ao longo de catro días, ata Ribeira achegaranse escritoras e escritores como Moncho Borrajo, María Reimóndez ou Ruth Villar Caballero, entre outros moitos..

Esta terceira edición da feira do libro de Ribeira, que abrirá en horario de 12.00 h. a 14.00 h. (as fins de semana e festivos prolóngase ata as 14.30 h.) e de 18.30 h. a 22.30 h., contará coa participación de Ler Librarías, A Pobra do Caramiñal, Libraría Arigató, Nobel Burela, Volumen Cultural, Libraría Cartabón, Librería Pedreira, Editorial Planeta e  Deputación da Coruña.