Print this page

Ribadeo celebra a súa IV Feira do Libro ata o domingo

Rate this item
(0 votes)

Entre os días 30 de xuño e o 2 de xullo terá lugar en Ribadeo a cuarta edición da Feira do Libro. Nesta cita terán un papel moi importante os autores e autoras locais e da comarca como Eva Mejuto, Daniel Cortezón, Suso Peña, Miguel Sande ou Santiago Jaureguízar, entre outros. Haberá ademais actuacións da Escola Municipal de Música e Danza, de Ribadeo, e do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros. Como en anos anteriores, a Feira do Libro de Ribadeo desenvolverase no Parque de San Francisco.

Esta edición ten en conta en especial o libro local, o libro da comarca. Nese senso contarase con presentacións de autoras e autores ben coñecidos na zona, como Anxo Moure co seu Nubinete, o libro de fotografía de Vicente Ansola, no que rememora as Aldeas sen voz (Canela), xa sexa tamén O Anxo negro (Xerais) de Manuel Gago, as Mulleres bravas da nosa historia, de Urco editora, Gorca Rete (Arquitectura Viva) de Montse Fernández Álvarez, Jaureguízar co seu Placebo (Xerais), a novela A candidata (Galaxia) de Miguel Sande ou os 22 Segundos (Xerais) de Eva Mejuto Tamén estarán “presentes” ribadenses que xa nos deixaron, pero que serán escusa para falar de As Covas do Rei Cintolo de Daniel Cortezón e Suso Peña.

O concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña, manifestou que "non queremos facer unha edición moi densa porque temos que dar tempo a dixerir con calma as novas literarias que van aparecendo, pero si moi activa na que se combine presentación de libros con actividades de animación á lectura para todos en xeral aínda que especialmente para os nosos pícaros e pícaras. Nese senso calquera pai ou nai pode achegarse ata o parque que sabe que vai haber actividades para os seus nenos e nenas, e vai poder gozar da lectura ou da charla directa cun escritor ou escritora".

O edil anunciou que "haberá colaboracións tamén por parte da Escola Municipal de Música e Danza cun número de danza, teremos colaboración do grupo de teatro Ollomao, de Barreiros, cun pequeno número estendido ao longo da rúa, Anxo Moure volverá traernos a súa Ciclobiblioteca, e tamén poderemos contar coa actuación de Lois Pérez co seu Sacar a lingua a pracer. Trátase de dinamizar o parque, dinamizar a vida, dinamizar a lectura e que todos saiamos gañando e enriquecéndonos un pouquiño máis no plano das ideas".