Un anos máis Rianxo aposta pola Ledicia de Ler coa celebración dunha nova edición da Feira do Libro de Rianxo, que se desenvolverá na vila que veu nacer a Castelao, Dieste ou a Manuel Antonio entre os días 20 e 23 de xullo.
Durante catro días a Feira acollerá un completo programa de actividades que abrangue desde presentacións de libros, teatro, encontros con autores ou obradoiros. Por Rianxo pasarán escritoras e escritores como María Reimóndez, Ricardo Losada, Natalia Carou ou María Canosa, que será a encargada do pregón inaugural mañá a partires das 13.00 h. Con especial interese pola súa vinculación coa vila rianxeira terá lugar a presentación do libro Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais) de Xosé Luís Axeitos. Acontecerá o venres ás 21.00 h.
Será, en resumo, unha interesante programación pensada para todos os públicos, pero especialmente para a xente moza, lectores actuais e futuros. Para eles haberá contacontos, como o de Anxo Moure, representacións teatrais a cargo do Teatro Gazafelhos ou Fran Rei, monicreques, a actividade Animalario Estrafalario con María Lires, música, etc.
A celebración da Feira do Libro de Rianxo xunguirase con outras actividades que se desenvolverán estes días en Rianxo e enmarcadas na programación cultural da vila do Barbanza. Deste xeito, mañá xoves pola noite celebrarase o Festival Internacional de danza, o venres no Paseo da Ribeira haberá unha observación astronómica, o sábado Treixadura presenta o seu espectáculo polos seus 25 anos subidos nos escenarios e o domingo, na zona do porto, terá lugar a Festa da Xouva, na zona do Porto.
A Feira do Libro de Rianxo acollerá nesta edición a 11 librarías, e terá lugar na praza de Castelao en horario de 12.00 h. a 14.00 h. e de 18.30 h. a 22.30 h. Como soe acontecer nestas feiras do libro, todos os libros terán un desconto do 10%