Print this page

Remata a rodaxe do filme Sinbad, baseado no libro de Álvaro Cunqueiro

Rate this item
(0 votes)

Este domingo rematou a rodaxe da longametraxe Sinbad, que coproducen Ficción Producciones e TVG dentro da serie 'Un mundo de historias', creada por Antón Dobao para esta canle de tv. Foi este, precisamente, o director e guionista desta longametraxe baseada na novela de Álvaro Cunqueiro, Se o vello Sinbad volvese ás illas.

As tres primeiras semanas, todo o equipo de Ficción Producciones traballaron en Corrubedo, tanto mas praias como na vila e a derradeira semana de rodaxe foi en Santiago, tanto no Seminario Menor como a Residencia de Anciáns, Chaián, O Milladoiro, etc...

Sinbad é, máis que ningunha outra cousa, un extraordinario fabulador, un home que fai participar aos seus interlocutores das experiencias da súas viaxes pasadas, fosen no mundo real, fosen no universo da imaxinación e da fantasía. Comparte os seus coñecementos fantásticos cos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna propiedade de Mansur, un home viúvo que ten ao seu cargo a Sara, a súa filla, de entre dez e trece anos. Sinbad mantén con Sara unha relación moi estreita e afectuosa. Gústalle conversar coa pequena e contarlle historias fantásticas.

Antón Dobao é o director do proxecto, así como o  guionista; o argumento foi desenvolvido por Marcos Nine e o propio Antón Dobao; a Música, é de Javier Maneiro e Casa de Tolos. Os papeis protagonistas serán realizados por Xosé Olveira ‘Pico’ –Sinbad-, Sara Casasnovas –Vanesa- e Mariña Sampedro –Sara-. Os actores e actrices secundarios serán Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán ‘Morris’, Mariana Carballal, Camila Bossa, María Tasende e Celso Parada.