Print this page

Raúl Soutelo e José Manuel Vázquez Lijó gañan o XI Premio Manuel Murguía de Ensaio

Rate this item
(0 votes)
Xurado do premio Xurado do premio

Os investigadores Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó son os gañadores do XI Premio de Ensaio Manuel Murguía coa súa obra O son que coñeceu Ramón Caamaño, presentada co lema Porto Nodelas.

O xurado, presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e composto pola doutora en Filosofía África López, a psicóloga e orientadora educativa Ana Torres, o historiador Uxío Breogán Diéguez, a filóloga Helena Miguélez e o gañador da última edición do certame, o catedrático de Filosofía, Marcelino Agís, estimou a "contribución social á historia da fotografía galega e da modernidade" ao combinar "fontes orais e arquivísticas, facendo unha descrición con mestría e amenidade, que parte do local para dirixirse a un público xeral. Desta maneira mesmo coas raíces do traballo no concello de Porto do Son, o ensaio acada unha dimensión moito máis abranxente e vincúlase ao conxunto do país".

Destaca tamén que o traballo "combina dun xeito acertado o ensaio e a reportaxe fotográfica, tocando distintos planos e sectores, como a demografía, o mundo do traballo, os conflitos sociais ou mesmo a rede viaria". Así mesmo, O son que coñeceu Ramón Caamaño reflicte, para o xurado, "a entrada do século XX de Galiza".

Ademais da obra gañadora, o xurado decidiu destacar como finalista o traballo de Ana Naseiro Ramudo, titulado Revisión da Historia da Coruña. A fábrica de tabacos e a fábrica de mistos.

Nesta undécima edición do certame, presentáronse un total de 16 traballos, sendo a segunda con maior número de participantes, só por detrás da celebrada no ano 2013, á que concorreron un total de 24 propostas.

O Premio Manuel Murguía de Ensaio, promovido polo Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da Deputación da Coruña, está dotado cun galardón de 6.500 euros e a edición da obra gañadora. Sendo unha iniciativa coa que a institución provincial pretende dignificar e difundir a cultura e a historia de Galicia, tendo como referencia a figura de Manuel Murguía, de acordo a relevancia especial e significativa que tivo o escritor no eido ensaístico.