Print this page

Raúl Gómez Pato gaña o II Premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán

Rate this item
(0 votes)
Raúl Gómez Pato Raúl Gómez Pato Foto: Ollo de Vidro-AELG

O poeta e tradutor ourensán Raúl Gómez Pato ven de gañar o II Premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán, que convoca o concello de Vilamartín de Valdeorras co patrocinio da Deputación de Ourense e en cooperación coa Comisión de Planeamento do Proxecto As Letras de Florencio. A esta segunda edición do certame presentáronse un total de 181 textos.

O xurado de premio estivo formado por Xulio Pérez Veiga, Pilar Pallarés, Francisco García Macías, Ramón Nicolás e Jorge Moral, actuando como secretaria do xurado Débora Álvarez Moldes. O xurado, que tamén escolleu tres obras finalistas, declarou como obra gañadora a de Gómez Pato, titulada Vinte, desolación.

Como obra finalistas quedaron Das Kapital, de Rafa Vilar; Sen menosprezar os caniches, de Beatriz Martínez-Sayanes; e Adolescencia en segunda persoa, de Roberto Rodríguez González.

Actualmente Gómez Pato imparte aulas en Lalín. Como tradutor ten traducido ao galego obras de Safo, Robert Burns ou de Nicolas Chamfort, entre outros. Como poeta gañou o I Premio Xosé María Díaz Castro de poesía ou o VII Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro. Este ano publicou en Medulia o seu poemario Sal auga vinagre e Círculo, en Positivas.

Ao redor de Florencio Delgado Gurriarán non só se organiza o premio co seu nome, celébranse varias conferencias ao longo deste mes de novembro. O pasado venres tivo lugar a primeira a cargo de Xosé Manoel Rodríguez, titulada Carlos Velo, 110 anos entre Galiza e México. O 22 de novembro Sechu Sende impartirá Florencio Delgado Gurriarán e as palavras rebeldes em defensa da lingua. Achegamento sociolingüístico á súa poesía. Será as 20.30 h. na adega Carballal en Petín. A terceira e última conferencia igualmente ás 20.30 h. na adega Peyma, en Fontei (A Rúa). Concepción Álvarez Pousa falara sobre A variedade valdeorresa do galego oriental a súa presenza na lingua literaria de Florencio Delgado Gurriarán.

Dende diferentes entidades valdeorresas lévase xa tempo traballando para que a Academia Galega dedica un día das Letras Galegas ao poeta vilamartinés.