Print this page

Ramón Lorenzo Vázquez recibirá o premio Trasalba

Rate this item
(0 votes)

O catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago, Ramón Lorenzo Vázquez (Eirapedriña, Ames, 1935), cofundador do Instituto da Lingua Galega en 1971, poeta, especialista en léxico e lingua medieval, editor da "Crónica troyana" e de importantes textos do literatura da Idade Media, fundador e director da revista "Dorna", ácademico da RAG, tradutor, membro do grupo Brais Pinto, mestre de varias xeracións de profesores e lingüistas galegos, vén de ser distinguido por unanimidade co Premio Trasalba, que todos os anos a Fundación Otero Pedrayo dedica a unha personalidade das nosas letras.

O acto de entrega, como xa é tradicional, realizarase nunha Festa Literaria que a institución celebra na Casa Grande de Cimadevila (Amoeiro) o derradeiro domingo do mes de xuño. Rosario Álvarez Blanco, actual directora do ILGA, será a encargada de pronunciar a laudatio. Entre os asistentes distribuirase o Libro Homenaxe, que nesta ocasión leva por título Ramón Lorenzo. Señor das palabras, que prepara a Editorial Galaxia, con colaboración de distintos discípulos, compañeiros, admiradores e amigos. Como lembranza se lle entregará tamén unha placa e o tradicional debuxo de Isaac Díaz Pardo, que deseña especialmente todos os anos para o homenaxeado.

A Festa Literaria de Trasalba é unha convocatoria anual da Fundación Otero Pedrayo na que se homenaxea a unha figura sobranceira das nosas letras. O premio ten carácter honorífico. A anterior edición estivo dedicada ao historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, anterior presidente da RAG. Para a elección da persoa homanexeada recíbense candidaturas de distintas institucións, algunhas das cales forman parte do Patronato da FOP, e de particulares. En opinión dos promotores do Premio Trasalba "a figura de Ramon Lorenzo encarna a tradición do estudo e modernización da nosa lingua dende os máis altos niveis da esixencia intelectual, con proxección en universidades e centros de estudo de todo o mundo, así como unha traxectoria ética intachable a prol do noso idioma e da nosa cultura".