Print this page

Rábade Paredes gaña o I premio de poesía Torre de Caldaloba cun poemario anegado de "imaxinación e riqueza"

Rate this item
(0 votes)

O xurado da primeira edición do certame de poesía Torre de Caldaloba, que promove o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, concedeu o premio a Xesús Rábade Paredes. Pola súa banda, o ourensán Paulino Peña Vázquez recibiu o segundo premio. Na categoría de menos de 18 anos, a gañadora foi Andrea Sanjurjo (A Pobra do Caramiñal), mentres que segundo foi Yaré Brea (A Coruña).

O xurado, composto por Adolfina Mesa, Beatriz Dourado, Montse González, Xosé Otero e Martiño Maseda,valorou da obra gañadora, titulada precisamente Torre de Caldaloba en Terras de Valverde, a súa "imaxinación e riqueza”, así como o “contido histórico e antropolóxico e o xeito de enfiar un corpus poético, onde pasado e presente conflúen en torno ao símbolo que representa a Torre de Caldaloba”.

O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, amosaba a súa satisfacción polo éxito de participación, con 52 traballos presentados, e pola calidade dos mesmos, como destacou o xurado. Ademais, indicou "que foi unha sorpresa agradable que o gañador fose nado en Cospeito e unha figura relevante das nosas letras". 

O premio entregarase o sábado 15 de decembro, ás seis da tarde, no local social de Pino. Ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso, Rábade Paredes recibirá unha figura conmemorativa. Tanto a obra gañadora como a finalista publicaranse nos vindeiros meses.

Xesús Rábade Paredes, naceu na parroquia de Seixas, en Cospeito, e ten unha longa traxectoria literaria no noso país. Autor de preto dunha veintena de títulos individuais e outros tantos colectivos, no seu haber acadou premios poéticos como o Esquío, o Miguel González Garcés, o Fervenzas Literarias de poesía ou o Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores, entre outros.

Velaquí deixamos un fragmento da obra gañadora, que o autor deixou na súa conta da rede social Facebook:

Caldaloba é singular
entre os fastos e nefastos
da Galicia medieval.
Como facendo memoria,
e con tal de que me sigan,
dou algún salto na historia.
Pois nesta dura encomenda
mestúranse datos certos
coa fantasía de lendas,
lendas que veñen de tempos
anteriores aos de Cristo
e seguen nestes momentos.