Print this page

Querido H.P. Lovecraft e A prensa en Galicia na Transición gañan os Premios da Crítica de Galicia 2017

Rate this item
(0 votes)

O pasado sábado, no Hotel Os Escudos de Vigo, deuse a coñecer o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “40 anos facendo país para sermos máis nós”, lembrando o corenta aniversario da celebración ininterrompida dos premios, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo a pervivencia da lingua galega como o seu celme

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo, crítico; Mario Regueira, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor; e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Urco editora.

O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais

O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”.

O resto de gañadores foron: Programa Conciencia, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas; Luís Emilio Batallán, Premio de Música; María Luisa Sobrino, Premio de Artes Plásticas; Flor Maceiras, Premio de Artes Escénicas; Festival S8. Mostra de cinema periférico da Coruña, Premio de Cine e Artes Audiovisuais; e o Grupo Nove, Premio de Cultura gastronómica.

Dende 1978 e de forma ininterrumpida, os Premios da Crítica Galicia veñen recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia –unha plataforma plural, independente e interxeracional– asumen como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.