Print this page

Punto G Edicións estréase co clásico de Jean M. Auel

Rate this item
(2 votes)

Punto G Edicións, selo editorial que comeza a súa andaina coa publicación en lingua galega da serie Os Fillos da Terra da autora estadounidense, Jean M. Auel, pon á venda nas principais librarías de Galicia a novela O clan do oso das cavernas, primeiro volume dos seis libros que compoñen a saga que leva vendidos máis de 45 millóns de exemplares en todo o mundo.

Esta é a Era dos Fillos da Terra, un extraordinario fenómeno literario internacional que mestura maxistralmente as máis excitantes aventuras co maior rigor científico. Jean M. Auel converte a Idade de Pedra nun marco narrativo rebordante que xa cativou a máis de 45 millóns de lectores en todo o mundo.

O clan do oso das cavernas é a novela que abre a saga das aventuras de Ayla, a muller prehistórica pertencente a especie Cro-Magnon que, sendo nena, queda soa no mundo ao perder á súa tribo nun arrepiante terremoto. Por sorte para ela, un grupo de neanderthalenses atópana ás portas da morte e a súa curandeira consegue salvarlle a vida. Así comeza a serie que fixo que millóns de persoas puidesen vivir a Idade de Pedra como nunca antes fora posible. Os Fillos da Terra transmite os valores universais que só unha obra mestra da literatura pode materializar e, a través dela, Jean M. Auel transpórtanos aos albores da humanidade para mostrarnos que, despois de miles de anos de historia, seguimos sendo humanos e continuamos a enfrontarnos ao noso reto máis esencial: vivir a vida que nos leva.

Punto G Edicións quere encher un espazo significativo nos gustos dos lectores e lectoras actuais. A serie Os Fillos da Terra ocupa o noveno lugar en vendas no Barómetro de hábitos de lectutra e compra de libros de 2011 publicado pola Federación de Gremios de Editores de España, tras máis de trinta anos desde a aparición do seu primeiro título, O clan do oso das cavernas, en 1980. É, sen dúbida, un rotundo éxito na historia da literatura universal contemporánea.

Nestes tempos incertos para a creación literaria e a industria editorial, sobre todo de linguas pertencentes á comunidades lingüísticas pouco extensas como a galega, a aposta pola lectura debe ser máis arriscada ca nunca. De aí o interese de Punto G Edicións por sintonizar cos gustos maioritarios das persoas afeccionadas a ler.