Print this page

Publicado o nº 1 da Revista de Poesía

Rate this item
(1 Vote)

O soportal Poesiagalega.org, que leva o Grupo Alea de Análise Poética (GAAP), ven de presentar o primeiro número da Revista de Poesía, un proxecto semestral que inclúe artigos, entrevistas, recensións e traducións sobre poesía galega e internacional.

María do Cebreiro, integrante do Consello de Redacción da revista, indica no editorial que “a Revista de Poesía proponse facer visibles os fenómenos vinculados á articulación do campo poético contemporáneo “ e que “en converxencia cos obxectivos de poesiagalega.org, a Revista de Poesía tamén funcionará como un arquivo das voces e dos relatos dos poetas “.

Cada número da Revista de Poesía terá dous momentos diferenciados no que respecta á súa visualización. Nun primeiro momento irán saíndo á web os artigos a medida que se vaian recibindo, aceptando e editando; e nunha segunda fase os números terán xa un carácter pechado.

Este primeiro número componse de artigos de Claudio Rodríguez Fer e Mirta Suquet Martínez; a tradución de A filosofía da composición de Edgar Allan Poe a cargo de Margarita García Candeira; unha entrevista de María do Cebreiro e Daniel Salgado á poeta fonsagradina Xiana Arias; a poesía de Manuel Darriba; e un apartado de recensións.