Print this page

Promocionar a lingua a través de Rosalía de Castro

Rate this item
(0 votes)

A Fundación Rosalía de Castro e a Consellería de Educación veñen de ratificar a súa colaboración para fomentar o uso do galego a través da literatura, na semana en que se cumpren 126 anos do pasamento da escritora. A sinatura do convenio tivo lugar en Padrón, durante a visita que o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, realizaron á Casa-Museo de Rosalía de Castro.

A través deste convenio impulsarase a difusión e a promoción social do galego a través da literatura e, en concreto, da obra e da figura de Rosalía de Castro. Ao abeiro do convenio que subscriben ambas as entidades, promóvese a realización de numerosas actividades. É o caso dos actos de homenaxe á escritora no seu 126º cabodano, que se celebrarán o próximo día 15, así como a conmemoración do traslado do seu corpo ao Panteón de Galegos Ilustres.

Neste marco de colaboración tamén se desenvolven iniciativas para divulgar a figura dunha das figuras clave do Rexurdimento, entre as que se inclúen a realización de tertulias e recitais poéticos. A investigación sobre a súa obra é outro obxectivo prioritario da fundación. Para tal fin, creou en 1997 o Centro de Estudos Rosalianos, no que se constitúe a biblioteca e o arquivo rosalianos e no que se realizan labores de investigación co fin de explicar con rigor intelectual aspectos da vida e da obra da escritora. No marco do convenio, este ano preséntase un novo número da Revista de Estudos Rosalianos, o volume cuarto.

Finalmente, o convenio tamén inclúe dous destacados galardóns, como son os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, e mais o VII Premio Rosalía de Castro para Experiencias Pedagóxicas.