Print this page

Prevese un desembarco de Fariña nas librarías galegas

Rate this item
(0 votes)

A vindeira semana chegará ás librarías galegas Fariña, o libro de Nacho Carretero sobre o mundo do narco galego na década dos 80 e 90. O libro estivo os últimos meses retirado da venta como medida cautelar pola demanda presentada José Alfredo Bea Gondar, exalcalde do Grove, contra Carretero e a editorial que publicou o libro na súa versión en castelán, Libros del KO, por presuntamente atentar contra o seu “honor”. Esa medida cautelar impediu igualmente que se publicara a súa versión en galego, lista para ser distribuída polo país por edicións Xerais.

A Audiencia Provincial de Madrid revoca a primeira resolución do Xulgado de Collado Villalba de “secuestrar” Fariña, declarando que o libro de Carretero non  “traspasa os límites do dereito á información exercido con ponderada obxectividade”, así como que Fariña non ataca a honra de Bea Gondar.

Velaquí a información sobre o libro Fariña da editorial Xerais:

Aínda que agora semelle un pesadelo afastado, na década de 1990 o oitenta por cento da cocaína desembarcaba en Europa polas costas galegas. Ademais da súa privilexiada posición xeográfica, Galicia dispuña de todos os ingredientes necesarios para se converter nunha «nova Sicilia»: atraso económico, unha centenaria tradición de contrabando e un clima de admiración e tolerancia cara a unha cultura delituosa herdada da época dos «inofensivos» e «benefactores» capos do tabaco. Os clans, poderosos e herméticos, medraron na impunidade afianzada grazas ao desleixo (e mesmo complicidade) da clase política e das forzas de seguridade.A través de testemuños directos de capos, pilotos de planadoras, arrepentidos, xuíces, policías, xornalistas e nais de toxicómanos, Nacho Carretero retrata con detalle unha paisaxe criminal con frecuencia infravalorada. No imaxinario popular, ese costumismo «kitsch» de capos con zocos e reloxos de ouro ensombreceu o potencial destrutivo dun fenómeno que arrasou o tecido social, económico e político de Galicia.«Fariña» inclúe, ademais, un repaso inédito polos clans que seguen operando hoxe en día. Porque en contra da crenza mediática e popular, o narcotráfico segue vivo en Galicia. E non se debe esquecer o que aínda non rematou.